sinopse

Jacinto é un neno de nove anos atrapado no corpo dun home de case cincuenta.  Vive cos seus anciáns pais en Mallou, unha aldea en ruinas no medio das montañas de Lugo. Lonxe do mundo moderno, entre casas de pedra derrubadas e castiñeiros, Jacinto fabricou un universo de fantasía no que é o rei absoluto.

Todo este pequeno mundo cambia coa chegada dunha nova parella de veciñas: Alex e Ana, dúas escuras artistas black metaleras vidas desde Suecia na busca dun lugar tranquilo e sen distraccións onde poder gravar o novo disco da súa banda “Tardigrades”.

As vidas de ambas familias non poderían ser máis diferentes, e non tardan en darse os primeiros roces.

Jacinto ten claro que Mallou é demasiado pequeno para os cinco. Igual que nas películas, ten que elaborar un plan para facer desaparecer ás recén chegadas e traer a paz á sua familia.

ELENCO

Os protagonistas de «Jacinto»

PEDRO BRANDARIZ

JACINTO BECERRA

O personaxe de Jacinto está creado por e para Pedro. É un Peter Pan grotesco, un neno agochado no corpo dun home. Jacinto non medra porque non pode: de pequeno levou un susto tan grande que perdiu a fala. Vive atrapado eternamente na infancia.

A chegada das suecas fai que o mundo da súa familia cambie por completo, e o confrontamento coas veciñas remata por converterse nunha especie de rito de paso, unha loita que marcará a vida do protagonista.

ANXELA BALTAR

ALEXANDRA PULIDO

Anxela Baltar, voz e guitarrista do grupo Bala, interpreta a unha black metalera de orixe galega que leva gran parte da súa vida vivindo en Suecia. É unha «one girl band», traballar en grupo non é o seu e é bastante ególatra e teimosa.

Chega á aldea de Mallou con Ana, a súa amiga e compañeira de grupo. Ambas descubrirán que o pobo que semellaba tranquilo é todo un pesadelo por mor dos seus únicos veciños.

CORINNA RAUTENBERG

ANA NÖDVEIT

Ana é unha escultora alemana, entusiasta do black metal, a música industrial, o ocultismo e a parafernalia esotérica. Gústalle todo o relacionado co escuro pero non o toma moi en serio, senón como un xogo. Apúntase a calquer aventura que se aparte da cotidianeidade, e acompaña á súa amiga Alex sen pensalo cando esta lle propón ir a Galicia a vivir, aínda sen saber o idioma.

O pobo tranquilo no que crear o seu fogar xunto con Alex convertese nun inferno do que será complicado saír.

JUANMA BUITURÓN

MILLÁN BECERRA

Juanma Buiturón interpreta ao irmán maior de Jacinto, Millán, a ovella negra da familia Becerra.

Millán hai tempo que abandonou o pobo para adicarse libremente aos seus vicios. Sen embargo, sempre que pode aproveita para pasar pola aldea, facer unha visita aos seus pais e pedir algo de cartos. É o nexo da familia co mundo exterior.

Trata a Jacinto con agarimo, aínda que ás veces tamén o manipula con sutileza para conseguir os seus propios intereses.

PILAR MIGUÉLEZ

MARUJA BECERRA

Pilar Miguélez é, en Jacinto, a clásica nai galega abnegada ao seu destino. Adora ao seu fillo pequeno sobre todas as cousas e segue tratándoo como o neno que realmente é.

Maruja sente a chegada de Alex e Ana como un agradable sopro de aire fresco, pero o choque das suecas co seu marido fai a relación imposible.

A nai deberá tomar partido a favor da súa familia.

MIRO MAGARIÑOS

AMANCIO BECERRA

Amancio Becerra é o patriarca da familia. Un home dos de antes, nostálxico do franquismo e autoritario. Agora está maior e non fai moito máis que dormitar e escoitar a radio. De mente pechada e carácter forte, a súa mentalidade choca coas ideas de Alex.

Leva sempre unha pistola no cinto: «Nunca se sabe cando pode aparecer un xabarín».

JAVI CAMINO
E "JACINTO"

Jacinto é o meu proxecto máis ambicioso e persoal desde ¡Maldito Bastardo! (2008). Pasaron xa case quince anos desde que empecei a gravar aquela tolemia amateur os fins de semana coa MiniDV doméstica no garaxe dos meus pais. Pese á inexperiencia e á ausencia de medios, aquel traballo viaxou por festivais de xénero de todo o mundo e mesmo competiu no Festival de cine fantástico de Sitges. Desde aquela pasaron un montón de cousas. Dirixín máis de 30 de videoclips, series para televisión, curtas, webseries, programas de cociña, un documental e un feixe de vídeos comerciais. Pero nunca tiven a oportunidade de volver a facer algo realmente propio, coas condicións e os medios necesarios, para demostrar todo o aprendido durante estes anos.

Pese a estar enmascarada baixo a aparencia dunha fantasía baseada en dous criminais reais, Jacinto non deixa de ser un relato da miña infancia e adolescencia. O mundo de Jacinto é moi parecido á miña propia infancia. Os seus pasatempos son cousas que eu mesmo adoitaba facer de pequeno: disfrazarme en entroido e pedir polas casas, facer tiracroios, enterrar tesouros, ver películas VHS… Pese a estar encarnado por un home de 50 anos non deixa de ser un neno, dependente dos seus pais, como todos o fomos nalgún momento.

A chegada de Alex representa a chegada da adolescencia. Ó igual que Alex, eu medrei empapado da cultura black metal, tocaba a guitarra a todas horas e gustábame xogar con cámaras. Na miña adolescencia, o centro da miña vida pasaron de ser meus pais á miña moza. Todo iso está en Alex. Ó final, o conflito que enfronta ambos mundos non deixa de ser bastante parecido ao conflito do paso da infancia á adolescencia. No “pobo” so hai sitio para un.